“CANDO ERA MENIÑA GAÑÁBAME TODO O MUNDO”

01/06/2018
“CANDO ERA MENIÑA GAÑÁBAME TODO O MUNDO”

Profesora dentro e fóra da pista.

 

Raquel Bonilla González ten 25 anos e é unha das pezas clave do Club de Tenis de Mesa Arteal, en Santiago.

Conta que cando era unha meniña lle gañaba todo o mundo. Un día de reis, o se pai regaloulle unha mesa de pimpón. E aí empezou todo. Ao principio non sabía que o tenis de mesa era un deporte e agora xa ocupa unha gran parte da súa vida.

Na actualidade dedícase profesionalmente a este deporte e é adestradora no Club Arteal. Os nenos que adestra non só os coñece do tenis de mesa, tamén é a súa “profesora” de estudo e de comedor no colexio. De feito, foi ela e mais unha amiga as que un día ensinaron no comedor como se xogaba ao tenis de mesa para animar algunhas promesas a que se apuntasen ao Club.

“Todos os deportes baséanse en ter disciplina e ser responsable. Non ten ningún segredo, hai que adestrar máis horas ca os demais”.

Ademais de adestramento e talento cómpre ter boa cabeza. “Hai unha gran parte psicolóxica. Hai momentos malos e hai que ter paciencia e saber aguantar”. 

O mellor de adestrar no Arteal son as amizades. Porque cos compañeiros deportistas compártense moitas cousas, entre elas o sacrificio que cada un realiza para chegar a onde está. Por iso, explica, é máis fácil entenderse.