«Este é un deporte de convivencia»

26/10/2018
«Este é un deporte de convivencia»

Entusiastas e apaixonadas do mar.

 

Xiana e Alba, 14 e 15 anos. Así son as futuras traiñeiras do Club Sociedad Deportiva Tirán.

Alba leva desde os 9 anos no club. Apuntouse porque o seu irmán tamén forma parte do equipo e este animouna para que se unise.

Para Xiana, a tradición tamén lle vén de familia, xa que o seu pai foi remeiro e adestrador e ela sempre quixo seguir os seus pasos. Aínda que o que a axudou a acabar de decidirse e animarse a entrar no equipo foi que Alba acababa de entrar e esta axudouna ao principio e foille ensinando. «O que son sono por ela».

«Este é un deporte de convivencia». Forman practicamente unha familia: o equipo e o mar. E é que, «hai cousas que o mar che dá e que outros deportes non che poden dar».

Alba antes era remeira pero agora, grazas á súa curiosidade e desenvoltura é patroa; practica batel, traiñeiriña e, xunto con Xiana, «aspiran a ser traiñeiras».

Para elas o fundamental é animar moito e estar moi pendente do mar, saber como coller unha onda ou amurala.